SANTIAGO VAI

 

Hai catro anos que me dirixín a ti para pedir o teu apoio para ser alcalde porque Santiago quedara adormecida. Sentía, como tantos e tantas de vós, que Santiago deixara de contar en Galicia.

Hoxe, catro anos despois, podo afirmar con satisfacción e franqueza, que ese compromiso e esa vontade de transformación que compartíamos son o motor que está a cambiar o noso concello.

Xosé Sánchez Bugallo

Sabía que cada un dos vosos votos contiñan unha enorme lista de tarefas pendentes que os que estiveron antes deixaron correr. Oito anos perdidos había que recuperalos en catro. E malia a pandemia, fixémolo.

Fixémolo impulsando o solo industrial, cuns polígonos que estaban baleiros no 2019 e que hoxe necesitan ampliación, porque están cheos de empresas.

Fixémolo desbloqueando a construción da terminal de viaxeiros da intermodal, impulsando as obras do enlace orbital, o orbitaliño coa AP-9 e a nova depuradora.

Fixémolo renovando os servizos básicos, esquecidos nos anteriores mandatos: recollida de lixo, mantemento de parques e xardíns ou o Servizo de Axuda no Fogar. Recentemente adxudicamos o contrato para a mellora e ampliación da iluminación pública. E sacamos a licitación o contrato que permitirá renovar toda a flota de autobuses reorganizando rutas, incrementando frecuencias e renovando os paneis informativos.

Fixémolo recuperando o turismo e tomando medidas para que se convirta nun modelo sostible e amigable para a cidadanía.

E fixémolo, poñendo ás persoas por enriba de todo. Por iso, destinamos millóns de euros para axudar ás familias e á reactivación económica dos sectores máis golpeados, con medidas como os Bonos Corazón. Para estar ao carón das veciñas e veciños que máis o necesitaban.

Sei que queda moito traballo por facer. E quero facelo. Pero sei tamén que agora, Santiago vai. E vai porque deseñamos e implementamos unha estratexia de mobilidade que pensa no futuro. Vai porque, coa túa confianza, estamos en condicións de poñer definitivamente en marcha os servizos no rural. Vai, porque estamos mellorando un sistema administrativo que nos permitirá axilizar trámites e xestións. E vai, porque novamente poderemos crear máis vivenda pública para ofrecer un futuro ás familias e á xente nova.

Xa non estamos parados, agora Santiago vai; volvemos a crear emprego, fixemos despegar as grandes infraestruturas, modernizamos a administración e renovamos os servizos. Agora é o momento dos barrios, de cada parroquia, de cada rúa, da cultura, do deporte e do taleto. É o momento de Santiago.

E por iso, hoxe, como hai catro anos, pídovos que nos apoiedes, para seguir construíndo xuntas e xuntos o Santiago onde todos e todas teñamos cabida.